Elemento dos vasos

Micrografía de microscopio electrónico de varrido (arriba) e microscopio óptico (abaixo) de elementos dos vasos de carballo.

Un elemento dos vasos ou membro dos vasos é un dos tipos celulares do xilema das plantas, especializado no transporte de zume bruto (auga e sales) pola planta desde as raíces a todas as partes da planta. Os elementos dos vasos están perforados en certas zonas e únense uns con outros formando longos tubos chamados vasos ou traqueas. Os elementos dos vasos son típicos das anxiospermas pero están ausentes nalgunhas anxiospermas e na maioría das ximnospermas como as coníferas (estas posúen traqueidas).

Cada vaso ou traquea está formado por un número limitado de elementos dos vasos con perforacións unidos uns encima dos outros, pero os diferentes vasos dunha serie están unidos entre si por paredes imperforadas (similares ás das traqueidas), que tamén poden ser atravesadas pola auga e solucións acuosas.

No xilema secundario, os elementos dos vasos orixínanse a partir dunha célula fusiforme do cámbium, que cando madura morre e perde o seu protoplasto, polo que a célula queda baleira, pero conserva a súa parede celular lignificada. Tipicamente o protoplasto morre antes de que se forme a perforación. Aínda que o elemento do vaso é unha célula morta, conserva a súa funcionalidade como elelmento condutor, e está protexida polas células vivas que a rodean.

A parede celular está moi impregnada de lignina (lignificación). En cada un dos dous extremos do elemento dos vasos hai aberturas na parede, polas que se conecta un elemento dos vasos co seguinte. Estas aberturas chámanse perforacións ou placas perforadas. Estas perforacións poden ter formas moi variadas: os tipos máis comúns son a perforación simple (unha simple abertura) e a perforación escalariforme (varias aberturas alongadas unhas encima das outras formando un deseño parecido a uha escada). Outros tipos son a placa perforada foraminada (varias aberturas arredondadas) e a placa perforada reticulada (cun deseño en rede, con moitas aberturas). As paredes laterais teñen puntuacións, e poden ter engrosamentos en espiral, pero xeralmente non perforacións.


© MMXXIII Rich X Search. We shall prevail. All rights reserved. Rich X Search